O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que agora as empresas poderán optar a facer esta obra, que suporá un antes e un despois para a cidade e, en especial, para o barrio de Campolongo
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta mañá a aprobación en Xunta de Goberno Local do último paso para a licitación do proxecto de recuperación e restauración medioambiental do río dos Gafos, ao seu paso polo barrio de Campo Longo. Este fito marca un «paso definitivo» para resolver un «atentado ecolóxico» que se remonta aos anos 70, prometendo unha mellora significativa na calidade ambiental e urbana de toda a cidade, e especialmente para a veciñanza de Campolongo.
Cómpre lembrar que este é un proxecto financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) do Goberno de España.
O orzamento estimado para o proxecto é de 4,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses. Serán plantadas case un cento de novas árbores, duplicando a cifra actual; ademais de 290 plantóns de salgueiro, o que derivará nuns 700 metros cadrados de cobertura arbórea. A maioría das especies serán de folla caduca.
Doutra banda, o alcalde expresou o seu agradecemento aos equipos técnicos e municipais polo seu esforzo en axilizar este proxecto complexo, cuxo financiamento tamén inclúe fondos do Concello de Pontevedra, cunha aportación próxima aos 3 millóns de euros.
O proxecto non só permitirá crear unha zona verde de elevada calidade, senón que tamén traerá consigo unha mellora hidráulica moi importante, rebaixando a posibilidade de inundacións e mellorando o control das mesmas.
Doutra banda, cómpre sinalar que esta actuación terá un carácter de quilómetro 0, xa que, por exemplo, o formigón retirado do río será triturado para logo ser utilizado na construción dos camiños esendeiros fluviais. Tal e como indican desde o equipo de deseño do proxecto, na Fundación Biodiversidade non teñen coñecemento dunha renaturalización deste tipo, polas súas características únicas, dentro do Estado español.

